O Marco común europeo de referencia para as linguas proporciona unha base común para a elaboración de directrices curriculares, materiais e probas de avaliación de competencia lingüística en toda Europa. Describe que aprender a facer, os coñecementos e as destrezas que se precisan para comunicarse nunha lingua estranxeira. Establece tres niveis de dominio lingüístico: A (inicial), B (intermedio) e C (avanzado), que se dividen en subniveis: A1 → A2 → B1 → B2 → C1 → C2
O nivel A1 adquírese cando a/o estudante é capaz de comprender e utilizar expresións cotiás de uso moi frecuente así como frases sinxelas destinadas a satisfacer necesidades de tipo inmediato; cando pode presentarse, pedir e dar información persoal básica sobre o seu domicilio, as súas pertenzas e as persoas que coñece; e cando pode relacionarse de forma elemental sempre que o seu interlocutor fale lentamente e con claridade.
O nivel A2 adquírese cando a/o estudante é capaz de comprender frases e expresións de uso frecuente relacionadas con áreas de experiencia que lle son especialmente relevantes; cando sabe comunicarse á hora de levar a cabo tarefas simples e cotiás que non requiran máis que intercambios sinxelos e directos de información sobre cuestións que lle son coñecidas ou habituais; e cando sabe describir en termos sinxelos aspectos do seu pasado e a súa contorna, así como cuestións relacionadas coas súas necesidades inmediatas.
O nivel B1 adquírese cando a/o estudante é capaz de comprender os puntos principais de textos claros e en lingua estándar si tratan sobre cuestións que lle son coñecidas, xa sexa en situacións de traballo, de estudo ou de lecer; cando sabe desenvolverse na maior parte das situacións que poden xurdir durante unha viaxe; cando é capaz de producir textos sinxelos e coherentes sobre temas que lle son familiares ou nos que ten un interese persoal; e cando pode describir experiencias, acontecementos, desexos e aspiracións, así como xustificar brevemente as súas opinións ou explicar os seus plans.
O nivel B2 adquírese cando a/o estudante é capaz de entender as ideas principais de textos complexos que traten de temas tanto concretos coma abstractos, ata aqueles de carácter técnico sempre que estean dentro do seu campo de especialización; cando pode relacionarse con falantes nativos cun grao suficiente de fluidez e naturalidade de xeito que a comunicación se realice sen esforzo; e cando pode producir textos claros e detallados sobre temas diversos, así como defender un punto de vista sobre temas xerais indicando os pros e os contras das distintas opcións.
O nivel C1 adquírese cando a/o estudante é capaz de comprender unha ampla variedade de textos extensos e con certo nivel de esixencia, así como recoñecer neles sentidos implícitos; cando sabe expresarse de forma fluída e espontánea sen mostras moi evidentes de esforzo para atopar a expresión axeitada; cando pode facer un uso flexible e efectivo do idioma para fins sociais, académicos e profesionais; e cando pode producir textos claros, ben estruturados e detallados sobre temas de certa complexidade, amosando un uso correcto dos mecanismos de organización, articulación e cohesión do texto.
O nivel C2 adquírese cando a/o estudante é capaz de comprender con facilidade practicamente todo o que oe ou le. Sabe reconstruír a información e os argumentos procedentes de diversas fontes, na fala ou na escrita, e presentalos de xeito coherente e resumido. Pode expresarse espontaneamente, con fluidez e con un grao de precisión que lle permite diferenciar pequenos matices de significado incluso en situacións complexas.