Os cursos de Español como lingua estranxeira (ELE) organízanse segundo os niveis do MCER A1, A2, B1, B2 e C1 de xeito que o alumnado internacional poida acreditar alomenos un nivel nun cuadrimestre. Todos eles conxugan un módulo teórico-práctico, no que o profesorado traballa adaptándose ao nivel de cada grupo e ás súas necesidades específicas, e un módulo de conversa e cultura, no que se realizan tanto actividades dirixidas a facilitar a interacción e a comunicación na vida diaria, dentro e fóra da universidade, como actividades para que o alumnado poida adquirir coñecementos básicos da cultura española.
Son cursos presenciais, semipresenciais ou virtuais que se imparten ao longo dun cuadrimestre: A1 (60 horas), A2 (60 horas), B1 (60 horas), B2 (60 horas) e C1 (60 horas). Estes cursos inclúen un exame propio do Centro de Linguas para que o alumnado internacional poida acreditar o nivel A1, A2, B1, B2 ou C1. A Universidade de Vigo recoñece 4 créditos ECTS a cada un destes cursos.
Trátase dun programa que se leva a cabo en colaboración con Campus Spain. Está dirixido a alumnado internacional que teña máis de 16 anos e que desexe prepararse para acceder a estudos de grao ou posgrao en universidades españolas. Inclúe sesións teóricas e prácticas nas que se traballan contidos lingüísticos a través de tarefas comunicativas, visitas a lugares emblemáticos nos que o alumnado realiza distintas actividades (entrevistas, investigacións, etc.), e obradoiros impartidos por expertos para afondar na idiosincrasia de distintas áreas.
LINGUA E CULTURA
Son cursos presenciais que se imparten durante os meses de xuño e xullo. Permiten que o alumnado poida compaxiñar os seus estudos con actividades de lecer, xa que inclúen visitas didácticas.
ISEP: Teach English, Learn Spanish – Summer Program in Vigo
Este programa combina a aprendizaxe de Español como lingua estranxeira (ELE) coa adquisición de técnicas didácticas para a docencia de linguas estranxeiras. Ademais, posibilita que o alumnado coñeza de primeira man a cultura e a xeografía de Galicia. A Universidade de Vigo recoñece 12 créditos ECTS a este programa.
As 6 semanas ao longo das que se extende distribúense en
- clases de lingua e cultura (56 horas)
- clases de iniciación á didáctica de inglés (18 horas)
- prácticas de didáctica de inglés (36 horas)
- visitas académicas (20 horas)
Se precisas unha carta de invitación para solicitar o teu visado, debes inscribirte no curso que queres realizar e pagar 150€ de gastos de inscrición. Tras inscribirte, contacta co Centro de Linguas a través de correo electrónico e enviaremosche a carta de invitación. Se finalmente realizas o curso, os gastos de inscrición restaranse do importe total do curso.
Ante a crecente demanda de axuda por parte de numerosos colectivos sociais e institucións, o profesorado do Centro de Linguas decidiu crear o blog Ensinando español, para compartir recursos que poidan ser de axuda para ensinar español a persoas refuxiadas.